16/04/2015

A lección do vello Mingos

Hai moitos anos, non me acorda cando nin en que libro de contos tradicionais galegos, lin este conto que vos ponho, que levo no corazón dende aquela. Non só é acaído ó tema da madeira, que imos estudar estes días; tamén invita a unha reflexión sobre o modelo económico de produción e consumo acelerados do que participamos ( e padecemos) na nosa sociedade, modelo no que só importa o gozo inmediato, o aquí e agora de cada individuo,...
Vai o conto:

A LECCION DO VELLO MINGOS

No cómaro de Lixambre, que está cara de levante, facía unha calor que acoraba. E, na media sombra dunha corredoira, estaba o vello Mingos facendo unha cova que tiña xa máis de vara e media de fondo.
- Santas e boas tardes!- saudouno don Reinaldo, o médico do concello, que apareceu por alí a cabalo dunha besta relucente e gorda.
- Amén, señor! -contestoulle o vello Mingos descubríndose.
- E pódese saber para que é esa cova? -interesouse don Reinaldo.
- Para plantar no seu tempo unha nogueira -respostoulle o vello Mingos.- 
 -Con setenta e cinco anos enriba das costas, poste a plantar agora unha nogueira? Ti non sabes que para cando dea noces esa nogueira ti non vas ter dentes nin moas para comelas?
- E que lIe habemos facer, don Reinaldo? O que levou toda a súa vida coma min, traballando, non se afai á folganza.
E se vostede me da licencia voulle facer unha pregunta. Foi vostede quen plantau a nogueira do Souto Pequeno, que lIe dá anadas coma en ningures?
- Eu non -respostoulle don Reinaldo- Foi meu avó.
- E seu avó probou as noces desa nogueira? -voltou a preguntar o vello Mingos.
- Non -dixo don Reinaldo--. Ata os netos, non dou froito.
- Pois xa ve, don Reinaldo, xa ve que estou facendo como fixo o seu avó, e non ten porque se rir de min .
O médico pediulle perdón ó vello Mingos e ata lIe agradeceu a lección que lIe acababa de dar, marchando avergonzado.

Sem comentários: